Fitos e curiosidades na Historia de Galiza:

Nas primeiras referencias escritas sobre Gallaecia na antigüidade atopamos as do historiador romano Silicius entre o 242 e o 230 a.C., cando sitúa a guerreiros galegos nas filas dos exércitos de Aníbal, loitando contra as lexións romanas e "cantando na súa estrana lingua".

No ano 345 d.C. nace o bispo Prisciliano, creador da "doutrina cristiana máis autóctona", quen sería decapitado pola Igrexa 40 anos despois en Tréveris (Alemaña). A súa influencia na sociedade galega deixaráse sentir durante séculos. E precisamente unha monxa priscilianista chamada Exeria escribe o "Itinerarium", libro onde relata a súa viaxe a Terra Santa (Palestina) entre os anos 415 e 418.

Neses primeiros anos do século V chegan a Gallaecia os povos teutónicos dos suevos e dos vándalos asdingos, quenes asinan un tratado con Roma que lles permite fundar o primeiro reino feudal de Europa en territorio do Imperio Romano (e dando comezo á Idade Media galega).
     O primeiro rei suevo foi Hermerico, quen tivo numerosos enfrontamentos cos galaicos dos castros ata que os bispos autóctonos lograron concerta-la paz. Estableceu a primeira capital do novo reino en Bracara (Braga) e máis tarde perto de Tui. O seu sucesor foi Requila (438-448), quen é recordado pola súa actitude agresiva contra os galaicos (non teutónicos) e contra a igrexa católica; de feito, favoreceu ó clero priscilianista, declarado herético e perseguido por Roma. Na súa "ampliación do reino" chegou a conquistar ata a mesmísima Sevilla ("Hispalis"). A Requila sucedeuno Requiário (448), quen se converteu ó catolicismo e estableceu o primeiro reino independente de Roma no oeste de Europa. Tamén foi o primeiro rei en cuñar moeda co seu nome.

O ano 1139 viu cómo o río Miño se convertía oficialmente nunha fronteira, ó declararse Afonso Henriques como rei do novo Portugal independente.

Os lavantamentos populares en contra de algún bispo ou de algún señor feudal sucédense de vez en cando (algúns: 1232, 1238, 1249, 1260, 1266, 1270, 1316, 1319, 1344, 1400, 1418, 1419), ata que no ano 1431 ten lugar a 1ª Revolta Irmandiña, liderada polo fidalgo Roi Xordo. A pesar da súa derrota, as sublevacións seguen sucedéndose arredor das Irmandades, ata que na 2ª Revolta Irmandiña (1466-1469), "A Fusquenlla" esténdese por todo o territorio galego, máis de 80.000 persoas combaten o poder feudal. Son derrubadas a maior parte das torres e castelos de Galiza (o cal tamén axudará á próxima toma do control militar por parte da coroa castelá).

Fuxindo da represión dos Reis Católicos de Castela, refúxianse en Portugal galegos como João da Nova (Xoán de Novoa), ourensán da casa dos condes de Maceda, que acaba converténdose nun dos máis importantes navegantes do s. XVI, conquistando terras para o Reino de Portugal en África e na India oriental (Trindade, Ceilán, Ascensión).

No ano 1600, o relixioso Pedro Sánchez de Tagle constrúe en México, no estado de Jalisco a primeira fábrica de tequila da historia, que bautizou co nome de "Nova Galicia".

O século XIX comeza co asedio a Galiza por parte dos británicos (1800, 1801) e seguidamente polas tropas napoleónicas (1808). Precisamente en contra dos franceses constitúese na Coruña a Xunta Suprema de Galiza, órgano que asumirá na práctica o auto-goberno dunha Galiza independente, alomenos durante o verán de 1808.

1833 é o ano no que a coroa española oficializa a desaparición do Reino de Galiza e divide o noso país nas catro provincias actuais.

1846. Sendo raíña de España Isabel II (con 13 anos), o xeneral Narváez, presidente do goberno central, instaura unha ditadura que supón a abolición dos poucos dereitos e liberdades de que dispoñía Galiza. O coronel Solís érguese contra a dominación, disolve a Deputación e constitúe en Compostela a Xunta Superior do Reino de Galiza. Mais o día 23 de Abril, as tropas de Madrid derrotan ás galeguistas de Solís, sendo fusilados tres días máis tarde o coronel, o comandante Velasco e dez oficiais máis, coñecidos dende entón como "Os Mártires de Carral".